Saturday 04 de May de 2024

Entra en funcionamento a pista de pádel de Abellá, de uso totalmente gratuíto


A pista pode solicitarse no Concello ou por teléfono, en horario de 9:00 a 15:00 horas, de luns a venres

O Concello de Frades vén de habilitar unha segunda pista de pádel no municipio, nesta ocasión na parroquia de Abellá, en cuxa construción investiu preto de 42.000 euros. A diferenza da pista existente na parroquia de Papucín, a de Abellá estará cuberta, xa que está emprazada no interior do antigo polideportivo municipal, que na actualidade non estaba a ser utilizado para a práctica deportiva.

As obras, incluidas no Progrmaa de Desenvolvemento Rural de Galicia, consistiron na construción dunha pista de pádel de céspede artificial e paredes de metacrilato, con instalación eléctrica para poder ser utilizada a calquera hora. Para o seu emprazamento no interior do antigo pavillón de Abellá foi preciso tirar parte dun muro, que foi substituído por unhas placas translúcidas de policarbonato.

Así mesmo, arranxouse a zona de aparcamento situada diante do pavillón, onde se aglomerou unha superficie de 756 metros cadrados. Unha actuación da que se beneficiarán tanto os usuarios desta nova pista como os do campo de fútbol de herba artificial, do local social ou os postos do mercado mensual que se celebra na parroquia.

Uso das instalacións

A pista de pádel será de uso totalmente de balde. De feito, aqueles veciños que estean interesados poden solicitala no Concello de Frades, no teléfono 981 695 567 ou no teléfono do técnico de Deportes (600 852 222), en horario de 9:00 a 15:00 horas, de luns a venres. As chaves recolleranse no Concello e devolveranse no buzón exterior do pavillón ao rematar a actividade.

O tempo máximo de uso da pista por cada usuario é dunha hora e media. Terán preferencia de uso os veciños e veciñas empadroados en Frades.